luns, 31 de maio de 2021

A BANDA DA BALBINA (31 de maio)

Hoxe rematamos o mes dedicado ás Músicas Galegas e que mellor xeito de facelo que coa Banda da Balbina da que imos coñecer un pouquiño máis: 

Alá por maio de 2008 naceu a Estomballada, e con ela A Banda dá Balbina. Esta canción conseguiu unha ampla difusión na radio, na TVG, e noutras canles, e formou parte tamén do repertorio dalgunha orquestra galega. Un ano máis tarde a Balbina pariu O Fillo do Mar, e con el chegou o primeiro premio da Radio Galega do programa Apologhit. Co empuxón que significou este premio o grupo comeza a súa andaina polas festas – concertos de toda Galicia, compartindo escenario con Mercedes Peón, Festicultores, ou Cuchufellos entre outros, e levando sempre boa música en galego e moita festa. Hoxe escoitaremos: CON CEBOLA OU SEN CEBOLA e ESTOMBALLADA.

                                

A vocalista deste grupo tamén quixo dedicarnos unhas palabras:



venres, 28 de maio de 2021

TREIXADURA (28 de maio)

Treixadura é un grupo que fai música galega creado en Redondela en 1990. Nos seus comezos estaba formado por 5 gaiteiros aos que se foron engadindo outros músicos cos que comezan a desenvolver un estilo propio que ten como eixo fundamental os ritmos, as cantigas e os instrumentos tradicionais galegos. Hoxe escoitaremos: SE CHOVE e CARAVELIÑOS.

                                        

xoves, 27 de maio de 2021

DANDY FEVER (27 de maio)

Dandy Fever é unha banda de ska, reggae, rocksteady de A Coruña aínda que os seus compoñentes proceden de varios puntos da xeografía galega. Alá polo 2002 comezaron a mostrar a súa paixón pola música xamaicana dando o seu primeiro concerto no ano 2003 e chegando a gañar varios premios. Hoxe escoitaremos: SE O AMOR TE ATOPA e CALQUER LUGAR E BOM PARA MORRER.

                                

Este estupendo grupo tamén nos deixou un vídeo aquí no noso blog.



mércores, 26 de maio de 2021

DE VACAS (26 de maio)

Paula Romero, Inés Salvado e Faia Díaz forman o grupo galego De vacas acompañado pola guitarra de Guillermo Fernández. Este trío musical triúnfa en internet grazas a súa versión en galego de cancións que están ou estiveron de moda fai uns anos. Hoxe escoitaremos: REXURDIMENTE e NOITE E DÍA.

                                  

Elas tamén nos deixaron un vídeo para animarnos a seguir escoitando música en galego.



martes, 25 de maio de 2021

HABELAS HAINAS (25 de maio)

Habelas Hainas formouse no 2010 cando as catro mulleres que compoñen o grupo, cada unha cunha ampla traxectoria no mundo da música tradicional, cruzáronse no camiño. Forman un crebacabezas onde os catro estilos compleméntanse de forma persoal. O seu punto de partida é a música instrumental de raíz da que se valen, cos recursos dos  instrumentos tradicionais, para crear un son enérxico, fresco e orixinal. Hoxe escoitaremos: BELLA (s) CIAO e MAIO.

                                        

E aquí podedes ver o estupendo vídeo que nos agasallaron:



luns, 24 de maio de 2021

A BANDA DA LOBA

A banda dá Loba é un grupo de música galega integrado por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias individuais para crear un proxecto colectivo. Mesturando pop,  blues, folk, rock e sons tradicionais crean o seu estilo musical. “Bailando as rúas” é o título do seu primeiro traballo. Hoxe escoitaremos: FÁBRICA DE LUZ e TRES EN RAIA, canción escrita para un neno con Síndrome de Down e que agora dedican a todas as persoas con Síndrome de Down.

                                            

xoves, 20 de maio de 2021

EZETAERRE (20 de maio)

Ezetaerre é un grupo de rap combativo en galego. O grupo, formado por catro compoñentes, comezou a súa traxectoria en 2016, chegando a ser en moi pouco tempo unha das bandas revelación do panorama galego. A banda formouse coa vontade de utilizar a música como unha ferramenta, coa intención de cambiar a realidade: “sabemos que temos todo un mundo que cambiar e que a cultura é unha das trincheiras para conquistar. Seguiremos sendo dignas, humildes, solidarias; facendo música para o pobo na lingua do pobo”. Hoxe escoitaremos: LIBERDADE e A INSURXENCIA POR VIR.

                                            

mércores, 19 de maio de 2021

DELEIBA (19 de maio)

Deleiba nace da unión de cinco músicos de Muros con experiencia previa noutras bandas como Trapos Sucios ou Maestro. Na súa curta traxectoria, demostrou ser unha aposta segura para as salas e festivais de rock con aparicións no Caudal Fest ou o Festival Castelo Rock. Obtiveron, ademais, o primeiro posto no concurso de bandas de Cuac FM 2019. Hoxe escoitaremos: ERGUERSE e ENCAMIÑAR.

                               

Tamén nos deixaron este estupendo vídeo animándonos a seguir escoitando música en galego.       

                                        



martes, 18 de maio de 2021

XABIER DIAZ (18 de maio)

Xabier Díaz é un músico galego, cantante, compositor, investigador e compilador de música tradicional, que formou parte de grupos como Rumbadeira, Nova Galega de Danza, a Cada Canto e Berrogüetto. Nos últimos anos editou e publicou varios discos xunto as Adufeiras do Salitre. Hoxe escoitamos: CANTIGA DA MONTAÑA e NO SALÓN DAS CEREIXAS.

                                   

xoves, 13 de maio de 2021

SON DA RÚA (13 de maio)

SonDaRúa é un grupo de rap galego creado en 2016 en Ponteareas e formado por Hugo  Guezeta, Alex Arnoso e That Ba. Hoxe escoitaremos: LIBERANDO MENTES e OS DOUS DE SEMPRE.

                                        

mércores, 12 de maio de 2021

TEATRO CON G

Hoxe mércores, puidemos gozar da interpretación de As pitas baixo a choiva do grupo de  teatro Ghazafelhos grazas a posibilidade de ver esta obra nunha retransmisión en directo. Por iso queremos dar o noso agradecemento a ASOCIACIÓN LINGÜÍSTICO-CULTURAL - COORDENADORA DE EQUIPAS DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA de Ferrol.















RUXE RUXE (12 de maio)


Ruxe Ruxe é un grupo de música galego formado en Aríns (Santiago de Compostela) no 1996. A súa música é rock combinada con sons tradicionais galegos, empregando ás veces instrumentos como a gaita e o saxofón, e sempre con actitude punk. As súas letras son en galego e de temática moi variada nas que predominan os textos costumistas, os de carácter social e o realismo máxico. Hoxe escoitaremos:
 BOTARSE A ANDAR e ROCK DO PAÍS.

                                                                                                                     



martes, 11 de maio de 2021

ÓSCAR FOJO (11 de maio)

Óscar Fojo Lamas é un cantante, compositor e guitarrista ferrolano que foi membro durante uns anos do grupo de rock “El viejo caracol”. Agora canta en solitario cunha mestura de estilos nos que predomina o rock, aínda que tamén contén pinceladas de folk e blues. Hoxe escoitaremos: NAS TÚAS MANS e POR QUE RAZÓN? Tamén nos deixou este vídeo para animarnos a seguir escoitando música en galego.

                                                                                                                               



luns, 10 de maio de 2021

LUAR NA LUBRE (10 de maio)

No ano 1986 nace LUAR NA LUBRE na cidade de A Coruña converténdose co paso dos anos e o seu teimoso traballo nunha das formacións máis prometedoras e referenciais da música feita na Galiza. O seu proxecto musical baséase nas músicas de raíces galegas polo que dedican especial atención ao estudo dos cancioneiros galegos así como ao traballo de campo que lles proporciona un fondo coñecemento sobre a realidade musical galega que tamén se revela determinante nas composicións propias. Hoxe escoitaremos: AO PASAR POLA CORUÑA e  PANDEIRADA DAS FIANDEIRAS/MUIÑEIRA DO RAMELLE.

                                

venres, 7 de maio de 2021

ANDRÉS DO BARRO (07 de maio)

Andrés Lapique do Barro naceu en Ferrol no ano 1947. A súa familia estaba vinculada á Armada Española, pero el optou por dedicarse á música. É autor de éxitos como "O tren" ou "Corpiño xeitoso". Esta última canción, publicada en 1970 e cantada en lingua galega, alcanzou o número 1 das listas españolas sendo o único cantante en alcanzar este número con una canción escrita en galego. Hoxe escoitaremos: O TREN e CORPIÑO XEITOSO.

                                

xoves, 6 de maio de 2021

SKANDALO GZ (06 de maio)

Todo comezou en 2007 en Ponteareas, cando 3 obreiros deciden montar un grupo para expresar o seu mal estar con todo o sistema, con letras que falan de clase obreira e tamén sobre a guerra civil. No 2008 gravan a primeira maqueta titulada “LUME” gañando un concurso da radio galega cun tema da mesma e coa que fan unha xira por toda Galicia. No 2011 gravaron unha segunda maqueta titulada “SOMOS MAIS” con 11 temas galegos de ritmos moi bailables. Hoxe escoitaremos: RABIA E PAIXÓN, DIVERSA E DIFERENTE.

                                   

mércores, 5 de maio de 2021

SES (05 de maio)

María Xosé  Silvar, máis coñecida como SES, nace na Coruña o 12 de novembro de 1982. É unha cantautora galega que comezou a súa formación no baile e na música tradicional galega. Ademais diso, é mestra e licenciada en filoloxía galega e antropoloxía social. A música que compón abarca os xéneros de rock, blues ou música tradicional galega entre outros. Hoxe escoitaremos: MILONGA DE AQUÍ e CO XENIO DESTROZADO.                                               

                                        

martes, 4 de maio de 2021

XIL RÍOS (04 de maio)

 Xil Ríos é un cantautor, cantante e compositor galego que comezou a súa traxectoria musical no 1971. Está considerado unha lenda viva da cultura galega e goza de numerosos éxitos populares entre os que destacan: "Nosa Galicia",  "Miña Maruxiña" , "Xirarei", "Rapaciña Bonita", "O cañeiro" ou "De carallada". Hoxe escoitaremos: XIRAREI e RAPACIÑA BONITA.

                                

luns, 3 de maio de 2021

ZËNZAR (03 de maio)

É un grupo de rock en galego formado a finais do 1987  e composto por Manolo García (batería), Xosé A. Bocixa (voz), Paco Cerdeira (guitarra e voces), Mario Grela (guitarra e voces) e Laura Romero (baixista). Hoxe escoitaremos: MARUXA e O GALEGO.

                                                               

O MES DAS MÚSICAS GALEGAS

Hoxe comezamos o mes dedicado as Letras Galegas e dende o Equipo de Biblioteca e Dinamización tamén queremos dedicalo á música en galego. Por iso, cada un dos días deste mes ímosvos presentar a un grupo ou solista que fai música en galego para que vexades o amplo panorama musical do que gozamos por aquí. Hoxe comezamos cun grupo de rock do que temos unha mensaxe que o seu vocalista deixou para todos e todas vós. Ademais desto escoitaremos dous dos seus temas.